Thursday 19 de September de 2024

O Concello de Carballo licita o servizo de limpeza dos centros escolares para catro anos por 1,5 millóns de euros


O contrato inclúe os colexios de educación infantil e primaria, as escolas unitarias e a escola infantil As Landras

O Concello de Carballo iniciou o proceso de licitación do servizo de limpeza dos centros escolares, no que se realizará un investimento de 1,5 millóns de euros en catro anos. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do 23 de setembro. Toda a información está dispoñible no perfil do contratante.

O contrato inclúe a limpeza dos colexios de infantil e primaria, as escolas unitarias e a escola infantil As Landras. A empresa terá que achegar os útiles e produtos de limpeza e encargarse tamén da retirada dos residuos xerados nos centros, tanto nos edificios escolares coma en patios, pavillóns, ximnasios ou calquera outro espazo que forme parte do recinto.

O servizo de limpeza será diario e realizarase en horario non lectivo para non entorpecer a actividade académica, se ben nos colexios con máis de 500 alumnos/as deberá haber unha persoa de retén durante dúas horas para atender necesidades de limpeza puntuais. Os períodos non lectivos aproveitaranse para a realización dunha limpeza xeral e profunda das instalacións. Neste sentido, este contrato compleméntase co de control de pragas, que inclúe a desinfección, desinsectación e desratización de todos os edificios en períodos vacacionais.

O contrato divídese en dous lotes. No primeiro están incluídos os ceip Fogar, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e San Luís Romero, e queda prevista a incorporación do CEIP A Cristina, que nestes momentos é o único que conta con persoal de limpeza propio. No segundo figuran todas as escolas unitarias que teñen actividade escolar (Verdillo, Artes, A Rega, Mirón, Cances, Sísamo e Xoane), así coma a sede do CRA Ponte da Pedra e a escola infantil As Landras, de cuxo mantemento tamén se encarga o Concello de Carballo.